Actualidade For Honor tamén opta pola Forza e saca as súas armas láser

For Honor tamén opta pola Forza e saca as súas armas láser

For Honor chegou no 2017 e non tivo un inicio fácil, pero o seu proceso de recuperación, mantemento e crecemento da comunidade foi exemplar. Ubisoft demostrou unha capacidade especial para con este título, e sorpresas como as desta pasada fin de semana dan boa conta dela. A compañía francesa quixo celebrar o Star Wars Day ao grande, e lanzou unha actualización que converte as armas dos xogadores en sabres láser de cor verde, azul e vermello.

A modificación permite cambiar o aspecto visual das armas, é dicir, que non se introduciu un sabre de luz jedi como tal. O certo é que ver un machada láser ten o seu aquel. A actualización gozou do aplauso da comunidade, e nos foros mesmo piden que non sexa un cosmético limitado, senón un contido que perdure no tempo. Algo que parece moi improbable e responde máis a un evento limitado, xa que os dereitos do universo de George Lucas no mundo dos videoxogos pertencen a Electronic Arts.

Recentemente, estreouse en Netflix un documental independente sobre todo o proceso de desenvolvemento de For Honor co nome de Playing Hard. Continúa así, o Ano 3 do xogo de Ubisoft, o Year of the Harbinger, coa mirada posta nun futuro prometedor para a marca na que se enfrontan Samurais, Viquingos, Wu Lin  e Cabaleiros.

É de esperar que no E3 deste ano, a conferencia da compañía francesa dedique un bo anaco a falar dos seus plans a curto e medio prazo para For Honor, ademais de agradecer á súa comunidade o éxito acadado nos últimos tempos. Hai que lembrar que Ubisoft chegou a regalar, literalmente, o xogo, como plan de atracción e recuperación de público no seu momento máis crítico.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *