Fortnite e Borderlands pegan tiros no mesmo escenario

A mestura entre Borderlands e Fortnite era unha opción máis que probábel, sobre todo se temos en conta que o novo título de Gearbox, o terceiro numérico da franquía, é exclusivo da Epic Games Store en PC. O battle royale máis xogado do mundo vén de presentar o seu novo evento temático grazas a un divertido adianto que pon a tolemia e a diversión por diante de calquera outra cousa. Chámase Fortnite X Mayhem.
Até o 10 de setembro, os usuarios de Fortnite poderán realizar unha serie de desafíos para conseguir recompensas de balde baseadas na franquía Borderlands. «Se vas sementar o caos, terás que vestir de xeito adecuado. Faite con o Lote Psicópata da tenda e viaxa con Claptrap ás costas!» sinala o comunicado oficial de Epic Games.
O contido de Fortnite X Mayhem inclúe unha greta que nos leva a Pandora, o Lote Psicópata xa nomeado e novos prefabs con motivos de Pandora no modo Creativo. Borderlands 3 chegará ás tendas en pouco máis de dúas semanas, o 13 de setembro, a PlayStation 4, Xbox One e PC.