Actualidade Fortnite fíxase en Apex Legends e “rouba” o seu sistema de marcaxe

Fortnite fíxase en Apex Legends e “rouba” o seu sistema de marcaxe

Dise que a competencia favorece sempre ao usuario, xa que son as compañías as que deben realizar un esforzo por adaptarse ás novas situacións do mercado na procura dun produto mellor do que xa tiñan, coa idea de seguir retendo aos clientes. A chegada de Apex Legends ao xénero dos battle royale foi como o bater das ás dunha bolboreta en Palas de Rei, pero que acabou por ser un furacán nas oficinas de Epic Games. Fortnite tivo xa que engadir unha característica de enorme éxito que o título de Respawn Entertainment xa traía de serie: o seu sistema de marcaxe.

A Tempada 8 de Fortnite trouxo grandes novidades ao battle royale máis xogado do mundo. O mapa sufriu diversas transformacións e mesmo un volcán fixo acto de presenza na famosa illa. Tamén os piratas e os seus barcos interesáronse por ela. Pero non só houbo cambios estéticos esta nova tempada. O título de Epic quixo engadir melloras na xogabilidade e unha delas pasou por incorporar un novo sistema de comunicación mediante clics, moi similar ao visto en Apex Legends ao longo destas semanas, no que cun só botón podemos marcar na pantalla o noso destino, a presenza de inimigos ou a posición de obxectos. Sen ser tan completo como o de Rewspawn, Fortnite xa posúe o seu.

A través destes pings, podemos informar do lugar ao que queremos ir, a presenza dun rival ou de armas no chan (non marca cofres, por exemplo). Unha nova mecánica, útil canto menos, que axuda á comunicación nas partidas entre escuadróns no caso de que non queiramos usar o micrófono ou o chat para falar. A pesar dos rumores, que os houbo, non se implementou ningún tipo de resurrección con esta actualización.

Epic Games lanzou o pasado venres a Tempada 8.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *