Actualidade Fortnite :: O mundo pendente dun buraco negro

Fortnite :: O mundo pendente dun buraco negro

Epic volveuno facer. Ten a miles de usuarios pendentes do seu seguinte paso, o seu novo movemento nesa partida de xadrez que é a comunicación e o márketing na industria do videoxogo. Polo momento, o éxito da súa nova estratexia é evidente, cal? Borrar o seu xogo máis exitoso. Non, non se pode xogar a Fortnite. Nin onte pola noite nin esta mañá, e a realidade é que nada se sabe sobre a volta do xogo.

Após dez tempadas, o battle royale máis famoso do mundo pechou onte o seu primeiro capítulo cun evento especial, The End, seguido en directo por millóns de persoas. Máis de 4,2 millóns asistiron á cita en Twitch e 1,5 millóns en Youtube; foi Trending Topic global. O buraco negro de Fortnite fixo que miles de creadores de contido emitiran durante horas agardando un algo que aínda non se produciu.

Para dar maior dramatismo, Epic impide a descarga do xogo desde a súa tenda. Tamén borrou todos os chíos da súa conta oficial, facendo que ese buraco negro do que nada pode escapar no xogo tamén afecte a esta realidade. Decenas de miles de xogadores continúan oteando ese baleiro.

Non, este non é o final. Sábese que os responsables de Fortnite queren facer unha especie de reinicio do xogo baixo a bandeira de Fortnite: Chapter 2. Espérase un novo mapa, novas mecánicas e bastante novo contido. Unha sequela , pero sen saír do terreo coñecido. Cando estará dispoñíbel? Cando comezará? Esa esa a gran pregunta, para a que aínda non hai resposta.

Porén, para pasar este intre sen autobús e sen partidas, na pantalla do buraco negro podes introducir o lendario código Konami (↑ ↑ ↓ ↓ ← → ← → B A) para xogar a un minixogo semellante ao Space Invaders. Bonito detalle.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.