Fortnite remata a súa novena tempada cun duelo de titáns

Malia que moitos auguraron que a aparición de novos títulos como Apex Legends faría baixar o éxito de Fortnite, o battle royale de Epic Games continúa erixíndose como o rei do xénero e un dos videoxogos con máis chamamento da actualidade. Na procura por seguir facendo medrar o xogo e sorprender á súa comunidade, os seus creadores converteron os eventos globais de final de tempada en momentos épicos para lembrar. A Tempada 9, non quixo ser menos.
A novena tempada de Fortnite rematou cunha loita titánica entre Cattus, o monstro, e Doggus, o robot. Durante cinco minutos os dous xigantes enfrontáronse para decidir o destino da illa e, xa postos, destruír boa parte do mapa. O éxito do evento tamén tivo a súa parte negativa, xa que algúns usuarios tiveron problemas de conexión e non puideron gozar da cita virtual debido á saturación dos servidores.
Non quere durmirse Epic. Sabe que o número de visualizacións en Twitch do seu battle royale diminuíu e que este tipo de eventos logran un efecto chamada máis que efectivo. Se queres coñecer o resultado da loita entre Cattus e Doggus, tes a continuación un dos miles de vídeos que se subiron á Rede nestas últimas horas.