Actualidade Foxconn sinala que a escaseza de semiconductores podería durar até o 2022

Foxconn sinala que a escaseza de semiconductores podería durar até o 2022

Foxconn é unha multinacional taiwanesa coñecida por ser o fabricante de compoñentes electrónicos máis grande do mundo. A través dun dos seus últimos comunicados, a compañía foi clara: a escaseza de semiconductores ben podería durar até o segundo trimestre do ano 2022. As declaracións foron recollidas por Asia Nikkei. Que consecuencias terá isto? De entrada, que os envíos se reducirán un 10 % sobre os plans xa establecidos, afectando a clientes como Sony, Nintendo, Microsoft, Apple, HP ou Google.

Así é. A escaseza de novas consolas e, en xeral, de novos produtos tecnolóxicos seguirá sendo unha constante todo este ano 2021. Así, no caso de PlayStation 5, conseguir unha das máquinas de Sony seguirá sendo nunha especie de odisea para todo aquel que decide comprar unha, que ve como ten que ingresar en listas de esperas dixitais, entrar en grupos de Telegram que avisen da chegada de novas máquinas ou calquera outra estratexia que lle permita ser o primeiro en engadir unha PS5 ao carro da tenda que elixa.

Emporiso, Foxconn explica que «os pedidos solicitados con certa antigüidade están xa garantidos».  A que é debida a escaseza? Principalmente á dificultade na obtención das materias primas, asunto que non permite unha fabricación continuada e exenta de problemas. No caso das consolas, que é o que nos ocupa, engádese tamén o problema da distribución relacionada coa situación sanitaria actual. As compañías aseguraron que a partir de marzo sería máis sinxelo comprar unha Series X ou unha PS5, mais parece que a situación non cambiará demasiado.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.