Actualidade Frogwares acusa a Nacon de piratear The Sinking City e vendelo ilegalmente

Frogwares acusa a Nacon de piratear The Sinking City e vendelo ilegalmente

Converteuse nunha das polémicas máis rechamantes da industria estes días. Frogwares acusou a Nacon de piratear The Sinking City, piratear o código fonte do título e cambialo co obxectivo de subilo sen a súa aprobación a Steam.

A través dun vídeo e un extenso comunicado, o estudio achega probas de que a versión subida á plataforma de Valve non é a que eles tiñan concibida, sendo a editora a responsable deses cambios ilegais, como a ocultación de logos oficiais.

«En varias ocasións Nacon tentou forzar a Frogwares a entregar a versión orixinal do xogo a través dos seus avogados. A xustiza francesa rexeitou a demanda de Nacon en dúas ocasións, a primeira en xullo do 2020 e a segunda en outubro do 2020 durante a apelación. A decisión final sobre se Frogwares está obrigada a entregar a versión que Nacon esixe será tomada por un tribunal nos próximos meses ou anos», escriben desde o estudio.

«Nacon decidiu roubar e piratear o noso xogo pero deixou enormes pegadas dixitais. A compañía está disposta a todo para conseguir o que quere, incluído cometer accións irregulares. Ignoraron as decisións da xustiza e pasaron por encima delas, pirateando The Sinking City e enganando aos seus socios, comezando por Steam». Frogwares asegura que este problema vai máis aló da venda do xogo xa que, ao piratear o seu código, Nacon pode agora utilizar os seus assets, revendelos ou regalalos.

O estudo xa avisa que interpoñerá unha nova demanda contra a editora e o seu propietario, Alain Falc, por violación da propiedade intelectual. O comunicado foi feito público tan só un día despois de que Frogware aconsellara os xogadores a través da redes sociais de non mercar a versión do xogo para PC, na que, realmente, non interviñeron.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.