Actualidade FromSoftware explica o sistema de progresión de Sekiro: Shadows Die Twice

FromSoftware explica o sistema de progresión de Sekiro: Shadows Die Twice

Que Sekiro: Shadow Die Twice será diferente á saga Souls é algo que cae de caixón, aínda que unha das dúbidas que sobrevoan a nova produción de FromSoftware é saber até que punto seerá certo isto. Unha recente publicación de Game Informer recolle gran cantidade de detalles sobre o sistema de progresión que o título posuirá, e que xa deixan entrever un enorme cambio respecto a outros xogos do estudo.

A economía en Sekiro partirá de dous compoñentes ou elementos. Un estará destinado á adquisición de novo equipamento e outro á experiencia, á ampliación de habilidades. Serán diferentes entre si, e ningún deles desaparecerá coa nosa morte. Como se gaña a experiencia, por exemplo? Derrotando inimigos. A medida que iso ocorra irase enchendo unha barra que tras completarse outorgaranos un punto de habilidade. Estes puntos distribúense a gusto do xogador na típica árbore de habilidades.

Pódese facer en calquera momento? Non. Deberá acudirse a puntos concretos do escenario, onde si xorde un paralelismo obvio con Dark Souls e as súas fogueiras. Afondando nesa árbore comprobaremos como existen tres ramificacións ben diferentes para potenciar, e que determinarán o noso estilo de xogo. A primeira rama correspondería á do samurái. Nesta os puntos de mellora destinaranse a mellorar os ataques directos e as agresións corpo a corpo. A segunda rama corresponde á do shinobi ou ninja. Trátase dunha maneira de combater máis centrada na evasión, que inclúe tamén tácticas de control de multitudes e incorpora habilidades como un ataque xiratorio que fai dano en área. Tamén inclúe a posibilidade de pasar por enriba das lanzas inimigas. Por último, existe o camiño centrado no brazo prostético. Aquí ofertaranse novas formas de axexar ao inimigo, e mesmo se dará a opción de mellorar o lanzamento de shuriken cun ataque que acurta distancias entre o opoñente e o xogador. Nun momento dado tamén chegaremos a poder lanzar varios shurikens simultáneos.

As contornas máis abertas e verticais serán unha constante durante o título de FromSoftware.

Aínda que nun principio poida parecer simple, o estudio asegura que o obxectivo final é permitir ao xogador ser “creativo e atopar o seu estilo de ninja preferido”. O usuario deberá pensar en que quere especializarse e que camiño tomar moi seriamente. Ademais, estes tres roteiros básicos, por así dicilo, non serán definitivos, senón que se complementarán con outras opcións a medida que avanza o xogo.

Así, mentres que a árbore de habilidades será un recurso enorme a ter en conta, ao longo da aventura poderemos atopar elementos que potencien as nosas estatísticas, claro que iso requirirá de exploración e bos ollos, ao atoparse en habitacións ocultas para os menos atentos. Tamén o combate terá especial importancia, xa que certos inimigos e xefes finais tamén acabarán por obsequiarnos con estas melloras. No campo de batalla poderemos achar melloras para o brazo prostético, dende un lanzador de shurikens a un lanzalapas. Mesmo haberá formas de mellorar a propia e importante mecánica de resurrección.

Explorando os escenarios poderemos obter melloras para o brazo prostético como unha machada.

Sen multixogador

Doutra banda, tamén se confirmou algo que sorprendeu a parte do público. Sekiro non contará con multixogador, como si tivo Dark Souls III, por exemplo. O propio Yasuhiro Kitao, xerente de márketing e comunicación de FromSoftware, aseverou tal afirmación, aínda que tamén dixo que o estudio agarda incluir experiencias en liña nas futuras experiencias do seu catálogo.

“Amamos eses elementos en liña, e encántanos crealas para os nosos propios personaxes tanto como todo o demais. Esperamos que os xogadores estean a esperar algo no futuro onde podamos volver a iso, pero por agora, Sekiro, é algo moi íntimo”, sinalou Kitao nas súas declaracións, indicando tamén que a ausencia de multixogador permitiu ao equipo pensar dunha forma distinta á habitual á hora de deseñar os escenarios.

Pronto poderemos comprobar todo isto. Sekiro: Shadows Die Twice lanzarase ao mercado o próximo 22 de marzo para PlayStation 4, Xbox One e PC. O novo de Miyazaki por fin verá a luz.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.