Frontier deixará de crear novo contido para consolas de Elite Dangerous

Frontier Developments anunciou hai unhas horas que deixará de publicar contido para as versións de PS4 e Xbox One de Elite Dangerous, cancelando con este movemento, ademais, a expansión Odyssey para estes sistemas e que xa estaba anunciada.
A decisión semella ser unha decisión ben difícil, pois chega logo do lanzamento do nomeado DLC en PC que non acadou o éxito agardado. Chegou en maio do ano pasado e permitía explorar os planetas a pé, fóra das naves, mais tamén chegou con un bo número de erros e bugs.
A compañía atrasou o lanzamento da versión en consolas para poder traballar a tempo completo na versión de PC de Elite Dangerous, mais todo parece indica que así será para o resto dos tempos. Desde ese mes, até dez parches viron a luz, o último en xaneiro.
David Braben, máximo responsábel do estudio, confirmou que as versións para consolas xa non están en desenvolvemento e que non apoiará novo contido para PS4 nin Xbox One.
«Non é ningún segredo que o lanzamento de Odyssey foi calquera cousa menos ideal», recoñece nun texto publicado na web oficial, «incluíndo a necesidade de separar a base de usuarios de consola e PC para centrarnos nun lanzamento só en PC. Desde o lanzamento de Odyssey en maio de 2021 traballamos sen descanso para mellorar a experiencia de Odyssey en PC, e malia que fixemos grandes progresos aínda queda traballo por facer».
«Ao longo destes últimos meses», engade, «loitamos para saír adiante da mellor forma posible, e lamentamos fondamente decidir cancelar todo o desenvolvemento en consolas. Precisamos seguir adiante coa historia do xogo, e para poder facer isto necesitamos centrarnos nun único código».