eSports FunPlus Phoenix impón a súa lei na final dos Worlds 2019

FunPlus Phoenix impón a súa lei na final dos Worlds 2019

O soño europeo desvaneceuse de novo no último tramo, na final do campionato, en París. O mundial de League of Legends volveu a coroar a un equipo chinés como o seu rei. G2 Sports non puido lograr a fazaña que o ano pasado Fnatic tamén albiscou no horizonte. O dominio asiático do MOBA máis famoso e exitoso do mundo segue sendo un feito, FunPlus Phoenix é a proba vixente.

A escuadra chinesa derrotou a G2 Sports dunha maneira eficaz, limpa, como o corte dun cirurxián bisturí en man. O equipo europeo loitou con fervor tras un campionato colosal, no que demostra a calidade e o talento autóctono, pero que segue un banzo por baixo do dominio do xigante asiático. A presenza americana no torneo foi testemuñal.

Non poucos querían ver o equipo de Carlos ‘Ocelote’ Rodríguez na cima. A súa xenial actuación ao longo desta tempada, amais da constante evolución en xogo e formas, presaxiaba un duelo titánico. Quizais moitos esqueceron que diante estaban uns todopoderosos FunPlus Phoenix, transformados nunha trituradora, cun 90 % de winrate na LPL, con só 3 derrotas de 30 partidos disputados na fase regular.

A primeira partida foi o exemplo perfecto do que sería a final. Un xogo perfecto por parte do equipo asiático, que axexaba aos europeos e afogaba os seus soños con cada paso que daban cara ao nexo inimigo. Claro que G2 tratou de resistir, buscou fórmulas para facer dano pero os cálculos non daban. Non despexaron a X que lles permitise saír airosos dun enfrontamento esgotador. Así, a segunda e a terceira partida foron só de FunPlus Phoenix. Golpearon mellor e máis rápido. A nota positiva? A enorme positividade que destilou a escuadra da que é dono o mítico xogador español, Ocelote, unha marca da casa que quedará como legado da súa actuación.

Non puido Caps salvar ao seu equipo, tampouco Perkz ou Wunder. Jankos, na xungla, non logrou ter o impacto habitual que foi demotrando; pola contra, Tian, o seu homólogo chinés, sentou cátedra a través das súas decisións e control. Pagou caros os erros G2. Non tivo opcións reais de levar a serie perante un equipo que demostra de novo a profundidade e evolución dun título que este 2019 cumpriu o seu décimo aniversario, e que en apenas uns meses viviu unha revolución no apartado estratéxico e de xogo. Desde o draft á última vitoria, FunPlus Phoenix demostrou un coñecemento abismal do xogo de Riot, feito a estudar por xogadores e rivais nos próximos meses.

Pode estar Europa preto de levar uns Worlds. Pode. Lonxe queda aquela final en Suecia, no 2011. O camiño para repetir a sensación está a ser asfaltado, pero os rivais tamén teñen a súa propia autoestrada. E non levantan o pé do acelerador.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *