Actualidade G2A ofrece aos creadores de videoxogos a opción de bloquear claves

G2A ofrece aos creadores de videoxogos a opción de bloquear claves

Ao longo dos últimos días, a páxina  G2A viuse envolta nunha polémica moi concreta na que diversos estudios independentes acusaron ao portal de prexudicar os seus intereses coa venda de claves de xogo por vías non oficiais. A plataforma de venda de títulos non tardou en responder. Vén de anunciar que ofrecerá aos creadores de videoxogos a posibilidade de bloquear claves para evitar así que códigos distribuídos entre a prensa ou como agasallos a usuarios poidan ser postos de novo á venda.

Os estudios terán que confirmar a súa identidade en G2A para acceder a dúas novas seccións: Review Keys, para aqueles códigos ofrecidos á prensa; e Giveaways, onde se engloban as claves ofrecidas en concursos. O único que deberán facer é engadir nestas dúas páxinas os códigos que non queren que se poñan á venda e a plataforma pasará a bloquealos inmediatamente.

«Realizamos os nosos cálculos e o desenvolvemento dunha solución levará moito tempo e será custoso. Nós cubriremos os custos», explican desde G2A nun comunicado. «Só necesitamos saber que vós, os estudios, ides utilizar o sistema. Por iso pedímosvos que vos rexistredes. Se polo menos cen estudios se rexistran antes do 15 de agosto, para garantir a transparencia, a lista farase publica e comezaremos a traballar nesta ferramenta». Haberá que ver se esta primeira solución proposta desde a páxina de compra de videoxogos logra satisfacer ás compañías independentes.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *