Gabe Newel afirma que Valve está a traballar en varios xogos non anunciados
O cofundador e director de Valve, Gabe Newell, non é o típico executivo que ofreza demasiados titulares nin demasiadas entrevistas, polo que cando cae unha, non son poucas as ideas e noticias que se poden extraer da mesma. O programa One News, da televisión neocelandesa, mantivo unha interesante conversación co veterano director, onde tratou temas como a polémica de Cyberpunk 2077 ou o éxito de Half-Life: Alyx.
O mesmo día no que a Unión Europea condenou á súa empresa por vender códigos con limitacións rexionais, Newell anunciou que Valve está a traballar en varios xogos aínda sen anunciar, pero que o triunfo en vendas de Half-Life: Alyx, amais das boas críticas recibidas, empuxounos a apostar polo single player. «É divertido lanzar xogos. Alyx foi xenial, volver facer xogos para un só xogador creou un gran momentum dentro da compañía», declara na entrevista, malia que, por suposto, non especifica nin detalle ningún destes proxectos e evita teorizar, e convida a que o público non lance excesivas hipóteses.
Doutra banda, a cabeza máis coñecida da compañía dona de Steam explica que Cyberpunk 2077 convenceuno e cre que os compradores acabarán sendo felices co tempo. «Todo o que sei é que hai moitos xogadores felices en PC. Hai aspectos do xogo que son simplemente brillantes, e amosan a tremenda calidade do traballo. É inxusto lanzarlle pedras a calquera desenvolvedor porque lograr crear algo que tan complexo e ambicioso é realmente incríbel», dixo. A saída do xogo da PS Store, para Newell, simplemente foi unha oportunidade para que os xogadores acudisen á súa tenda.