Galdia :: É Galicia unha rexión Pokémon?
Quen non cre que Mácara, en Palas de Rei, sería un lugar perfecto para capturar Pokémon? Alí, entre árbores e torrentes poderiamos atopar algunhas criaturas autóctonas coas que vivir unha aventura épica. Oxalá. Nunca se sabe, pero o que se está claro é que Rexión de Galdia abre a porta unha fermosa creación artística, a de reimaxinar Galicia como un paraíso Pokémon.
Trátase dun proxecto persoal en forma de conta de Instagram. Nos poucos días que leva aberta, subiu un total de catro publicacións. O seu obxectivo? Crear unha dex completa inspirada na comunidade galega. O que poderían ser algo máis de cen criaturas diferentes.
«A idea partía bastante da paradia, pero entón empezamos a debuxar e vimos abarcable facer algo bonitiño», explican desde Rexión de Galdia. «Queremos crear Pokémon baseados na flora, fauna e mitoloxía, como zonas xeográficas e cidades, tentando facer algo similar ao que fixeron nos xogos orixinais».
Segundo parece, xa contan con bastantes deseños feitos e a idea primordial é manter a esencia e o ton respectuoso co produto Pokémon. A resposta dos usuarios foi brillante, e a conta comezou a despegar —conta con 144 seguidores mentres son escritas estas liñas, pero a cifra aumentará nos próximos días, de seguro—.
O primeiro Pokémon desvelado foi Roisalea, un compañeiro tipo planta perfectamente adaptado á climatoloxía galega, que gusta de amarrarse cos brazos aos seus compañeiros e servir de paraugas vivente. Fantasía.