Reportaxes Gamescom 2019 :: Que hai de novo, vello?

Gamescom 2019 :: Que hai de novo, vello?

A cerimonia inaugural da Gamescom 2019 resultou ser longa, por intres tediosa, e non demasiado rítmica. Ora ben, todo se lle pode perdoar a unha feira que foi medrando de xeito moi elocuente e pracenteiro ao longo destes últimos anos. O E3 europeo, chámana algúns. Quizais estea lonxe do falso glamour de Hollywood e o cheiro a salitre do Pacífico, pero que dúbida cabe en que o vello continente ben merece a súa festa do videoxogo.

Europa faino ao seu modo. A falta de espectáculo combátese sendo eficaz e profesional. Este é o evento que máis traballadores do videoxogo move do mundo, por iso é un escaparate digno e alcanzábel, mesmo preferíbel para moitos estudios que queren ensinar o xénero a posíbeis investidores ou compañeiros de profesión. Por que non lembralo de novo? Alí estará estes días GatoStudio, a empresa galega detrás dese ambicioso RPG chamado The Waylanders que espera ver a luz na primeira metade do 2020. Haberá tempo para falar disto.

Este luns, a cerimonia deixouse levar polos World Premier, dous termos que ben poderían simbolizar todo ese fume que envolve o chamado hype, arma de dobre fío nos tempos que corren. Houbo novidades reais, claro, malia que lles custou destacar ao longo das máis de dúas horas que durou unha retransmisión errática para o espectador. Quizais porque o público agarda acción ao Michael Bay, pero atópase co formalismo de Coppola, o formalismo de amosar discretos gameplays, coa idea de asfaltar o camiño para a feira que comeza e na que moitos probarán os seus produtos artesáns.

Algúns títulos xa coñecidos para a comunidade estrearon gameplay e sinalaron novos detalles. Non todos nas mesma proporción, pero aí estaban. Non faltou Gears 5, que se antolla como un proxecto poderoso e que foi aumentado a súa seriedade na medida que se ía achegando a data de saída. Microsoft quere que funcione. Tamén se contemplaron adiantos de Predator Hunting Grounds, da expansión Iceborne, do Monster Hunter World —que non fallou a ningún dos eventos desta clase durante o último curso—; The Cycle, Life is Strang 2 (Capítulo 4), Borderlands 3, FIFA 20, GYLT, Destiny 2, Anno 1800… Porén, hai títulos que destacaron un chirco, por un ou por outro motivo.

Erica: An Interactive Thriller, un xogo de acción real para PlayStation 4 que foi anunciado aló polo 2017 para PlayLink —sistema onde varios xogadores usan os seus teléfonos para controlar un xogo—, e que xa está dispoñíbel por 10 euros. Deixou de ser un xogo de PlayLink, pero pode controlarse mediante un controlador estándar ou unha aplicación móbil personalizada de Erica.

O próximo Call of Duty, o CoD: Modern Warfare terá unha alpha aberta esta mesma fin de semana en PlayStation 4 co modo 2v2 do xogo. Noticia agradábel para os seguidores da saga, que poderán ir revivindo un vello xigante durmido.

Kerbal Space Program 2, que chegará no 2020 para PS4, Xbox One, e PC, gozou dun tráiler longo e cómico. É hora de volver facer naves espaciais. Até o infinito e máis aló, coma sempre. Máis terreal foi a sorpresa de SEGA, con Humankind, título de estratexia e simulación onde tomaremos o control da humanidade e a súa historia. Tamén sairá o ano que vén.

Houbo sorte e caeron un par de sorpresas. A primeira coa forma de Little Nightmares II, continuación directa do xogo creado por Tarsier Studios e Bandai Namco; unha exquisita combinación de plataformas e terror que se gañou o aplauso do público no 2017. É obvio que quere repetir prato en PS4, Xbox One, Switch e PC. Vaise a 2020. Tamén sorprendeu a presenza de Comanche, franquía da que non se sabía nada desde 2001 e que THQ Nordic quixo traer de volta. Este ano terá a súa alpha e a súa beta, e o ano que vén sairá en acceso anticipado. Nunca está de máis pilotar un helicóptero de guerra.

Magic: The Gathering Arena moveuse entre a liña da sorpresa, pero á vez da aliteración derivada de moitos dos anuncios destes últimos meses: será exclusivo de Epic Games a partir deste inverno. Iso si, tamén poderá ser descargado de xeito directo desde Wizards of the Coast, pero a tenda dos donos de Fortnite será a única plataforma de terceiros na que vai estar dispoñíbel.

Aínda que se anunciou durante o E3, era só cuestión de tempo que tivese unha data fixa. The Witcher 3: Wild Hunt chegará a Nintendo Switch máis pronto que tarde, o 15 de outubro. Unha curiosa cita que non poucos crían imposíbel, pero que ao final se materializou nunha versión que pide a berros xogarse en portátil e fuxir da televisión á hora de ser vivida. Os primeiros gameplay non menten, as súas máis de 150 horas de xogo revélanse vivas tamén neste formato.

Outro protagonista foi o novo proxecto de Private Division e V1 Interative, presentado a través de un primeiro gameplay tráiler co nome de Disintegration, o novo de Marcus Lehto, un dos pais da saga Halo. Malia que nunha primeira ollada puido parecer máis do mesmo, as aclaracións achegadas após o adianto audiovisual foron interesantes, presentando un xogo con máis alma de seu da que parecía. Chegará no 2020 como unha aventura para un xogador ou para varios, en PC, PS4 e Xbox One.

Kojima, meme is not dead

A súa presenza era o principal reclamo da cerimonia inaugural. Había cinco anos que o directo xaponés non se deixaba ver por estas terras, e a súa aparición pareceuse máis á dunha estrela do rock que a calquera outra cousa. Xente en pé, unha peza en vídeo recollendo as súas anteriores fazañas, Geoff Keighley adulando… Un desvarío propio dos tempos do meme fácil e o gatillo fácil dos 280 caracteres. Ningún decepcionou.

Hideo Kojima foi a alma dunha festa que estaba feita á súa medida. Para el e para Death Stranding, a súa nova tolemia, que estreará en pouco máis dun par de meses. Amosou dous novos adiantos sobre a historia do título a través de dous dos seus personaxes: Mama e Dead Man. Ambos os dous reveladores, quizais demasiado.

Por suposto, había que dar renda solta á tolemia e houbo tamén gameplay. E aí apareceu, Norman Reedus ouriñando logo dunha sesta no medio do campo. Despois, máis roteiros e unha parada nun cubo metálico no medio da nada no que deixar parte da mercadoría que traslada o protagonista, unha charla con Geoff Keighley, que segundo parece, tamén estará no xogo; e uns meneos co joystick ao bebé que levamos pegado ao peito. O normal. Hai cousas que é mellor ver, sen dúbida.

 

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *