Gamescom 2019 :: Nintendo amosa orgullo independente

Hai tempo que Nintendo consegue acaparar a atención dun bo número de público nas súas presentacións virtuais. Non importa que non vaia a amosar ningún dos seus grandes títulos ou franquías —Zelda, Pokémon…—, a curiosidade é evidente e o nivel de calidade que esixe a máquina híbrida permite sempre mostrar ao mundo obras de interese. Non decepcionou o Indie World co que a compañía da gran N quixo celebrar o comezo da Gamescom 2019.
Alí, en Colonia, os asistentes poderán probar Pokémon Espada e Escudo, Daemon x Machina, Dragon Quest XI S: Ecos dun pasado perdido – Edición definitiva, Luigi’s Mansion 3, The Legend of Zelda: Link’s Awakening e The Witcher III: Wild Hunt, pero iso é outro cantar.
A empresa xaponesa quixo presumir de catálogo independente ensinando 28 títulos diferentes. Doce deles tiveron un protagonismo máis evidente ao longo da presentación, para logo finalizar cunha traca final e un último agasallo: Ori and the Blind Forest, o xenial plataformas que por fin chegará a Switch. Farao o 27 de setembro deste mesmo ano.
Así, os xogos que gozaron de maior protagonismo foron (pica para ver o seu adianto):
- Risk of Rain 2 (este verán)
- Eastword (2020)
- Freedom Finger (finais de 2019)
- Röki (finais de 2019)
- Torchlight 2 (3 de setembro)
- Skate XL (2020)
- Youropa (finais de 2019)
- Superhot (xa dispoñíbel)
- Dungeon Deffenders: Awakened (febreiro de 2020)
- The Touryst (novembro de 2019)
- Skellboy (3 de decembro de 2019)
- Earthnight (2019)
- Hotline Miami Collection (xa dispoñíbel)
Destaca, como non, a chegada dos violentos títulos editados por Devolver Digital, estrañados por moitos na consola de Nintendo. Chegarán xuntos, Hotline Miami 1 e 2. Ben é certo que podemos dicir que xa chegaron, pois ao longo do día de hoxe aparecerán para a súa compra na eShop. Grata sorpresa.
Con menos segundos en pantalla, tamén gozaron de certa gloria o título sevillano Blasphemous, Close to the sun, Cat Quest II, Spiritfarer, Trine 4, Creature in the wall, One Finger Death Punch 2, Best Friend Forever, Phogs!, What the golf? Kine, Hypercharge: Unboxed, Northgard, Sparklite e Munchkin: Quacked Quest.
Moita variedade a través de non poucas propostas diferentes. A aposta de Nintendo é clara, e pasa por dotar á máquina híbrida de todo o protagonismo posible nas súas presentacións. O seu catálogo non parará de aumentar ao longo dos próximos meses. O obxectivo é evidente: demostrar que non só propón exclusivos evidentes, senón tamén obras recoñecidas que buscan o seu sitio nunha plataforma cómoda e con vendas crecentes.