Gears 5 deixa de lado o pase de tempada e aposta polo sistema Tour of Duty
A compañía detrás de Gears 5, The Coalition, vén de anunciar no seu blogue oficial que non haberá pase de tempada nin loot-boxes neste capítulo. A nova entrega desta exitosa franquía quere manterse lonxe deses servizos, pero non por iso deixará de recibir contido post-lanzamento.
Os novos escenarios que sexan incluídos como parte de futuros DLC serán accesibles para todos os xogadores de xeito gratuíto, tanto en partidas públicas como privadas. Alén disto, no novo título os obxectos que se merquen non dependerán do azar, senón que se alguén quere gastar cartos no xogo saberá que produto comprará de certo, sen posibilidades nin estatísticas.
En Gears 5 teremos ferro, a moeda virtual dentro do xogo que poderemos utilizar para comprar obxectos cosméticos na tenda. Xunto a esas posibles compras tamén se inclúe o novo sistema Tour of Duty, unha colección de desafíos diarios e medallas de tempada que permitirá aos xogadores ir desbloqueando diversos obxectos cosméticos. A medida que subamos de nivel, conseguiremos recompensas, entre as que tamén haberá unha cantidade de ferro para gastar na tenda.
Malia que non existan as caixas de botín, si atoparemos Supply Drops como recompensas dentro do título de acción. Este tipo de caixas só se poderán conseguir xogando, a diferenza dos potenciadores de experiencia, nos que si temos a opción de gastar diñeiro real. No caso de obter obxectos duplicados dentro destas caixas, os xogadores poderán reciclalas para crear outros obxectos.