Actualidade Genshin Impact arrasa no día do seu lanzamento e xa apunta cara ó futuro

Genshin Impact arrasa no día do seu lanzamento e xa apunta cara ó futuro

Os éxitos inesperados de varios títulos ao longo deste ano semellan ser a tónica xeral. Nesta ocasión tócalle a Genshin Impact, o xogo de balde que se atopa dispoñíbel para PC, PS4, iOS e Android. Dez millóns de descargas o día da súa estrea avalan o interese do público pola obra de miHoyo que lembra poderosamente a The Legend of Zelda: Breath of the Wild xunto con outras obras de mundo aberto.

O equipo de desenvolvemento xa expón os plans de futuro para o xogo, como a chegada de Genshin Impact a Nintendo Switch, malia que a súa data de lanzamento aínda non se atopa confirmada. Tamén se apunta a un lanzamento na nova xeración de consolas.

Alén dos sistemas futuros, Genshin Impact está concibido como un xogo como servizo. Esta característica condicionará as posteriores expansións de contido, centrándose en novos personaxes, cidades e mapas diferentes.

Por último, o estudio preparouse para evitar a propagación de xogadores tramposos. miHoyo utiliza un sistema anti-trampas co que aseguran que non descargan información dos xogadores e que tan só funciona en segundo plano para evitar o software de terceiros.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.