Genshin Impact supera a Pokémon GO e ingresa mil millóns de dólares en seis meses
Non fan falta probas do éxito de Genshin Impact, mais se alguén as necesita, aquí pode achar unha máis. O título de miHoYo acaba de sumar un novo récord á súa propiedade: lograr recadar mil millóns de dólares nos seus primeiros seis medes de vida. Son os cartos que os xogadores deixaron dentro do título. Pokémon GO era a obra para móbiles que posuía este récord até o de agora, ao tardar nove meses en alcanzar a cifra. Os datos son ofrecidos pola axencia de análise Sensor Tower.
Lonxe de ir a menos, o título vai a máis. A principios de marzo a compañía informaba que xa levaban 900 millóns en iOS e Android, pero en realidade as cifras son superiores, pois só conta as que obtén de Google Play e App Store, e non contabiliza as tendas de terceiros en China e o resto de rexións.
De media, Genshin Impact ingresou uns 160 millóns de dólares ao mes desde decembro, e leva acumulados máis de 148 millóns en marzo. «Isto fai que camiñen cara ao seu mellor mes desde outubro, cando ingresaron 233,7 millóns tan só en móbiles», explican desde Sensor Tower.