Ghost of Tsushima revela novos detalles e elementos sobre o seu mundo aberto
Un dos títulos que aínda mantén a súa data de lanzamento, e iso que só quedan dous meses para a súa chegada, é Ghost of Tsushima. O xogo de Sucker Punch protagoniza o novo número da Official PlayStation Magazine, onde se revelan numerosos detalles do título ambientado no Xapón feudal.
Elementos como o combate poderán variar desde o enfrontamento con katana até o clásico sixilo shinobi co que acabar cos invasores mongoles. O noso protagonista, Jin Sakai, pode utilizar un garfo para alcanzar lugares elevados, acabar con inimigos ou atravesar paredes de papel coa súa espada. O seu arsenal non remata aquí, xa que tamén contará con bombas e frechas de lume.
Durante a creación do xogo tomáronse referencias do gran director de cinema, Akira Kurosawa, e tratouse con especial atención o gore e o sangue. Sucker Punch apostou por fuxir do típico mundo aberto repleto de marcadores e guías na pantalla, polo que será o xogador aquel que deba viaxar entre zonas lembrando o escenario. Emporiso, teremos que ter en conta o tempo que empregamos en cada actividade, xa que as misións secundarias ou a exploración consumirán tempo dentro do xogo, permitindo que a invasión inimiga avance.
«Cada viaxe será sentida polo xogador, que é exactamente o que queremos dun xogo de samurais», comenta un membro do equipo de desenvolvemento. No artigo tamén se menciona que Shigeru Umebayashi creará a banda sonora de Ghost of Tsushima, traballando en obras como A casa das dagas voadoras, Fearless ou Yumeji.