Ghostwire: Tokyo non chegará ata o 2022
Ghostwire: Tokyo, desenvolvido por Tango Gameworks —estudio que ten o seu ocho baixo o paraugas de Bethesda—, non verá a luz ata o vindeiro ano. Nun principio, o novo xogo de Shinji Mikami, pai da saga Resident Evil e máis recentemente de The Evil Within, tiña previsto aterrar nas tendas a finais de ano, mais non será así.
O xogo sairá como unha exclusividade temporal de PlayStation 5, igual que Deathloop, outro dos títulos de Bethesda. Si, algo curioso, sobre todo agora que a compañía forma parte de Microsoft trala súa compra. Sexa como for, podes ler o comunicación oficial a continuación, distribuído por redes sociais:
Tomamos a decisión de atrasar o lanzamento de Ghostwire: Tokyo para comezos do 2022.
Queremos poñer o xogo nas vosas mans tan pronto como sexa posible para que poidades experimentar a inesquecible versión da Tokyo enmeigada sobre a que estivemos traballando duramente. Ao mesmo tempo, tamén estamos centrados protexendo a saúde de todo o mundo en Tango. A nosa nova fiestra de lanzamento daranos tempo para traer o mundo de Ghostwire á vida como sempre o imaxinamos.
Grazas por ser pacientes da mesma forma que nós traballamos para traervos unha experiencia como nunca antes fixemos. Non podemos esperar a ensinarvos máis do que vén nos próximos meses.