Actualidade A franquía Fallout terá unha serie de televisión de seu

A franquía Fallout terá unha serie de televisión de seu

Semella que despois de asaltar a gran pantalla, os videoxogos queren tamén procurar o seu sitio nas series de televisión —ou de streaming, máis acorde cos tempos que corren—. Fallout, xogos onde comprobamos os estragos da apocalipse nuclear no noso planeta, será a nova ficción adaptada grazas a Kilter Films.

É posible que che soe esta compañía, pois non é outra que a produtora detrás de Westworld, un dos símbolos de HBO dentro do seu catálogo. Amazon Studios é a marca que adquiriu os dereitos televisivos, polo que nalgún momento poderemos volver ao páramo, pero esta vez como espectadores.

A serie de Fallout estará encabezada por Lisa Joy e Jonah Nolan, que liderarán o proxecto como produtores executivos. Segundo informa o medio internacional THR, a serie contará tamén con algúns nomes de Bethesda, como James Altman e Todd Howard. Aínda non hai un escritor asignado ao guión deste proxecto, pero o compromiso de que o proxecto vexa a luz é firme segundo din os traballadores implicados.

Non é o único proxecto desta clase que verá a luz no futuro a medio prazo. Hai unhas semanas anunciábase a creación dunha serie de Disco Elysium, un anime de The World Ends With You e outro anime de Cyberpunk 2077, con Akira Yamaoka e Gurren Lagann. Teremos videoxogos e series para moito tempo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.