Actualidade A historia de Aloy continúa nun impresionante adianto de Horizon Forbidden West

A historia de Aloy continúa nun impresionante adianto de Horizon Forbidden West

Por fin poderemos continuar o relato de Aloy, a última heroína de PlayStation. A través dun xeneroso adiante dun cuarto de hora, Guerrilla Games quixo amosar ao mundo parte do mundo que crearon para Horizon Forbidden West.

Así, San Francisco preséntase como unha contorna que nada ten que ver o que é hoxe. A selva comeuno todo, o océano gañou terreo e novas tribos poboan a zona. Semella que Aloy fará amigos —se ben atoparemos caras coñecidas—, mais tamén inimigos. Todo se mostra nun adianto belo e efectivo, que vén dicir unha cousa: se algo funciona non o cambies.

Nunha primeira ollada, Forbidden West móstrase como unha continuación pura, sen demasiadas novidades na xogabilidade, alén do uso dalgún artefacto novo, como o planeador futurista que utiliza a protagonista para saltar desde alturas elevadas. Seguiremos escondéndonos na herba alta, malia que todo indica que tamén teremos todo un mundo baixo a auga que coñecer facendo mergullo.

Os combates lembran o que xa vivimos, cousa que en principio non parece nin boa nin mala, simplemente continuista. En certo xeito, non debería sorprender. Horizon Zero Dawn elevouse como un dos exclusivos —ata hai pouco— máis importantes de PlayStation 4, polo que é normal que queiran manter a súa esencia e non arriscar demasiado. Queres velo? Sen problema:

Iso si, non hai data nin xanela de lanzamento. En principio, Sony dixo que chegaría este ano. Segundo o indicado no bloque oficial de PlayStation, «aínda non temos unha data exacta de lanzamento, pero o desenvolvemento está en marcha e teremos unha actualización para ti moi pronto». Quedamos con iso.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.