Actualidade A vindeira actualización de Dead by Daylight traerá unha gran cantidade de melloras

A vindeira actualización de Dead by Daylight traerá unha gran cantidade de melloras

O novo ano promete grandes cousas para Dead by Daylight. Behaviour Interactive xa avisou das súas intencións hai tempo e os plans continúan o seu curso. Os seus responsábeis queren darlle unha renovación completa ao xogo, o que implica cambios na interface e diversas melloras visuais. Este mes serán unha realidade.

No diario de desenvolvemento que publicou aa compañía é posíbel observar como a interface foi renovada por completo para facela máis simple e intuitiva. Un exemplo? Agora podemos ver as caras dos personaxes na parte superior esquerda xunto cun indicador das veces que os asasinos colgaron a cada un deles nos ganchos.

Ademais, nas opcións poderase establecer o tamaño dos elementos do HUD, por se alguén necesita aumentar ou diminuír un en concreto. Ao gusto. Doutra banda, as animacións dos sobreviventes é outro dos aspectos que se revisou por completo para melloralas e facelas máis realistas. Isto mesmo tamén se aplicou nun par de mapas do xogo, como o Asilo Crotus Prenn e a Planta Procesadora de Carne Gideon, que se volveron máis sinistros e terroríficos.

E o  matchmaking? Tamén se verá afectado para que os emparellamentos sdexan realizados en base á habilidade dos xogadores. Os asasinos tamén recibirán cambios, como diversos cambios nas habilidades do Pallaso, as mecánica das trampas do Trampero ou a invisibilidade do Espectro. Demasiadas cousas? No seguinte vídeo pódelas ver en primeira persoa e en movemento:

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.