Actualidade A revisión de Resident Evil 3 faise realidade cunha filtración de Sony

A revisión de Resident Evil 3 faise realidade cunha filtración de Sony

É moi posíbel que Capcom pida a PlayStation moitas explicacións após a filtración producida hoxe no seu servizo dixital PlayStation Network. As primeiras imaxes de Resident Evil 3 Remake apareceron na plataforma de Sony por un intre, permitindo aos usuarios facer unha copia das mesmas, para posteriormente ser publicadas na rede. Víronse tanto as versións occidentais como orientais do cartel promocional.

Son dúas as imaxes filtradas. A primeira, similar a una posíbel portada, Jill Valentine, Carlos Oliveira e Nemesis están presentes en diferentes planos e amosan os seus novos deseños. na segunda, Nemesis, agora con nariz, é o absoluto protagonista. Un rótulo que reza Version Z aparece na parte central.

Semalla que, seguindo o camiño da anterior revisión, utilizarase o nome orixinal, sen adornos, Resident Evil 3. É moi posíbel que nos vindeiros días, quizais nos Game Awards, sexan revelados máis detalles sobre o título, sobre todo agora que o público xa puido comprobar que a súa existencia é real, confirmando todos os rumores que se sucederon desde o éxito do lanzamento de Resident Evil 2, nomeado na categoría de Mellor Xogo do Ano nos amentados premios.

Unha das imaxes filtradas, a outra, é a portada do artigo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.