Actualidade A xustiza estadounidense impide o bloqueo de Unreal Engine por parte de Apple

A xustiza estadounidense impide o bloqueo de Unreal Engine por parte de Apple

Continúa a guerra pública entre Apple e Epic Games. Unha vez as disputas chegaron ao terreo xurídico, a xustiza estadounidense publicou a orde de protexer a viabilidade de Unreal Engine, ao mesmo tempo que ratifica as accións emprendidas por Apple até o de agora.

O primeiro asalto xudicial saldouse coa lexitimación do bloqueo de Fortnite dentro da App Store, o cal adxudicaba un primeiro punto para a compañía da mazá. Doutra banda, tamén se atendeu a petición de Epic Games de restrinxir a Apple a posibilidade de bloquear o acceso a macOS e iOS para traballar no seu motor.

Tal e como recolle a xuíza Yvonne Gonzalez Rogers, Epic rompeu os acordos referentes a Fortnite aínda que non vulnerou ningunha norma respecto a Unreal Engine. Acusou a Apple de actuar con severidade e de poñer en risco a outras desenvolvedoras que traballan con esta tecnoloxía.

O 28 de setembro é a nova data para que ambas as dúas compañías expoñan as súas argumentarios fronte os tribunais; todo iso orixinado após a eliminación do battle royale da tenda dixital de Apple por non cumprir coas normas establecidas sobre as compras dentro do título.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.