Actualidade Animal Crossing: New Horizons recibe unha gran actualización chea de novidades

Animal Crossing: New Horizons recibe unha gran actualización chea de novidades

Animal Crossing: New Horizons non parou de aplausos, éxitos, eloxios e novidades desde o seu lanzamento o pasado 20 de marzo para Nintendo Switch. Onte contabámos que o título de Nintendo batera récords no formato dixital após a festividade de Pascua, agora, chega unha nova gran actualización. Novos personaxes e eventos poderanse gozar na nosa illa para os días restantes de abril e durante o comezo de maio.

O regreso da nostalxia

Personaxes e elementos de anteriores entregas da saga farán acto de presenza grazas a esta actualización. Un deles é Gandulio, un preguiceiro que conta coa súa propia florería ambulante, na que poderemos comprar árbores, flores, estercos e todo tipo de ferramentas relacionadas co mundo da natureza e xardinería.

Outro clásico da franquía é o raposo Ladino, o cal aparecerá a bordo do seu Navío Ambulante, atracando nas nosas praias. Obras de arte, mobles e varios obxectos de luxo con prezos desorbitados forman parte do seu catálogo, malia que non é ouro todo o que reloce, xa que este astuto vendedor tentará estafarnos con obxectos falsos. A nosa misión consistirá en detectar os artigos reais para compralos e doalos ao museo.

Falando do museo, recibirá este unha nova sala, a galería de Arte. Un espazo que xa existía en anteriores entregas e que nos permitirá doar as mencionadas obras que lle compremos a Ladino, podendo completar un museo con auténticas xoias culturais. Aquí non rematan as incorporacións, xa que un novo evento temporal como o Día da Natureza chegará desde o 23 de abril ata o 4 de maio.

Tal e como sucedeu coa Caza do Ovo haberá novos obxectos ambientados na natureza e desafíos exclusivos para o programa de Millas Nook+. Teremos que plantar diversos tipos de árbores ou regar flores; un labor na que Gandulio tomará un protagonismo especial. Nintendo sinalou que existirán máis eventos como o Primeiro de Maio, o Día Internacional dos Museos e a Tempada de Vodas.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.