Actualidade Apex Legends perde un 75 % da súa audiencia nun mes

Apex Legends perde un 75 % da súa audiencia nun mes

Despois dun comezo espectacular e glorioso, era previsible que Apex Legends acabaría por acusar o desgaste de medirse coa galiña dos ovos de ouro de Epic Games. O battle royale de Electronic Arts conseguiu ser o videoxogo máis retransmitido e visto nas diversas plataformas para esta actividade a principios de febreiro, pero Fortnite logrou seguir vivo grazas a unha alucinante regularidade.

O título creado por Respawn Entertainment viu reducida a súa audiencia nun 75 % nun mes. Segue contando cunhas cifras espectaculares fronte aos miles de xogos que pululan polo mercado, pero é evidente que Fortnite logrou manter a súa posición sen demasiados problemas. As constantes actualizacións do battle royale de Epic semellan ser un bálsamo eficaz para manter o interese da súa comunidade.

Horas de visualización de Apex Legends e Fortnite. Fonte: StreamElements

O gráfico que StreamElements achega no seu último informe fala por si só. Apex Legends tivo un comezo prodixioso, chegando a dobrar en audiencia ao propio Fortnite, pero o tempo quixo diminuír tal cifra ata situalo por baixo do título de Epic. É sorprende como este último mantense nunha constante case perfecta de espectadores. A mediados de marzo as horas totais de visualización de Apex Legends reducíronse a pouco máis de 10 millóns.

Porén, todos estes datos só fan referencia ao interese da audiencia e non á súa base de xogadores ou aos ingresos que ambos os títulos están a obter. Nos últimos días, por exemplo, diversas personalidades de Fortnite mostraron o seu descontento cuns dos últimos parches do xogo, que permite gañar vida tras acabar cun rival. Ben é certo, que hai opinións para todos os gustos e cores.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.