Actualidade Apple Arcade :: 100 xogos por 5 euros

Apple Arcade :: 100 xogos por 5 euros

Malia que a atención mediática xire hoxe ao redor do novo dispositivo móbil de Apple, ese iPhone 11 nos seus diversos modelos, a marca da mazá tamén quixo facerlle unha chiscadela aos videoxogos. Máis que iso, quixo volver ensinar ao mundo o seu servizo de subscrición de obras dixitais para dispositivos iOS —iPhone,  iPad, Mac e  Apple TV—. Un resumo rápido? Cen xogos por cinco euros.

O servizo lanzarase este 19 de setembro en 150 países. Trátase dun catálogo que inclúe marcas importantes e coñecidas dentro do sector. Falamos de Capcom, Sega, Disney, Konami, Annapurna Interactive, WayForward, Skybound, Platinum Games, Gameloft e moitas máis.

Un dos puntos máis interesantes dos ensinado por Apple recae na posibilidade de poder xogar a estes videoxogos sen a necesidade de estar conectados a Internet. Amais disto, os títulos que se ofrezan estarán na súa versión completa, cun soporte para actualizacións e sen compras ou micropagos de ningún tipo dentro da obra. Tampouco necesitarás un mando novo, xa que se confirmou a compatibilidade total con mandos de terceiros.

Se tes curiosidade, habilitarase unha proba de trinta días a custo cero. Ademais, o servizo contempla o uso familiar, ofrecendo posibilidade de vincular cinco contas distintas a un mesmo catálogo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.