Actualidade Así loce Valhalla, o futuro da saga Assassin’s Creed

Así loce Valhalla, o futuro da saga Assassin’s Creed

Por fin chegou o momento. Assassin’s Creed Valhalla foi revelado a través dun espectacular tráiler de Ubisoft. O título trasladaranos até o século IX, nunha aventura na que encarnaremos a Eivor, unha lenda entre o pobo viquingo que tentará fuxir dunha Noruega en guerra, xunto co seu clan, coa esperanza de atoparen un futuro mellor en Inglaterra.

Como é norma dentro da franquía, teremos a posibilidade de explorar un vasto mundo aberto recreando a ambientación dos anos escuros da illa británica. Nesta ocasión poderemos liderar incursións, conseguir recursos e riquezas, facer prosperar o noso asentamento e consolidar o noso poder político. Todo iso coa maior variedade de inimigos que tivo a saga na súa dilatada historia. Aquí tedes algunhas capturas do que nos espera nesta nova entrega.

Preme na imaxe para ampliar

Assassin´s Creed Valhalla está sendo desenvolvido por Ubisoft Montreal, equipo que xa traballaron en Assassin’s Creed Black Flag ou Assassin’s Creed Origins, e contan coa colaboración doutros 13 estudios, como Ubisoft Barcelona. O título chegará a finais do 2020 e será un dos primeiros xogos interxeracionais, xa que estará dispoñíbel para Xbox Series X, PS5, Xbox One, PS4, Stadia e PC, onde será exclusivo da Epic Games Store.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.