Actualidade Blizzard presenta Dragonflight, a vindeira expansión de World of Warcraft

Blizzard presenta Dragonflight, a vindeira expansión de World of Warcraft

Os rumores eran certos e o nome da nova expansión de World of Warcraft é Dragonflight. Blizzard escribe un novo capítulo para o lendario MMORPG —o primeiro baixo a tutela de Microsoft— e abre a porta dun novo continente, as Illas Dragón, fogar dos Drachtyr. A nova rexión semella primitiva e vasta, con catro zonas distintas: unha xeada, outra con lava, outra con bosques e, por último, unha de praias e costa, a primeira que coñeceremos.

A zona inicial é o fogar dos Evocadores Dracthyr, un novo híbrido de raza e clase que comezará en nivel 58 e que pode aliñarse coa Alianza ou coa Horda. Os Evocadores teñen dúas formas, unha humanoide para interactuar cos habitantes de Azeroth e unha de dragón para loitar nas batallas e, en función da especialidade elixida polo xogador, poden ser curandeiros ou loitadores.

Doutra banda, todo aquel que visite que visite a illa poderá adquirir un compañeiro dragón que ten un novo sistema de voo baseado en habilidades, o que engade certo fondo ao sistema de monturas que existen no título, segundo a compañía americana. Os desenvolvedores tamén prometen que Dragonflight engadirá melloras en mecánicas xa existentes, por exemplo no sistema de talentos, nas profesións —con novas ferramentas, equipo e especialización— ou na interface de usuario.

O malo? Que non hai data de lanzamento, pero pronto teremos unha alpha. Iso si, Blizzard confirmou que este ano volverán lanzar a expansión Wrath of the Lich King de 2008 en World of Warcraft Classic. Incluirá melloras na barbería, logros, un boost a nivel 70 e marcas persoais na area PVP.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.