Actualidade Braid regresa cunha versión mellorada para PS5, Xbox Series X, Switch e PC

Braid regresa cunha versión mellorada para PS5, Xbox Series X, Switch e PC

Unha xoia do pasado regresará máis pronto que tarde. Proclamado como un dos grandes títulos independentes da pasada xeración de consolas, Braid apareceu no State of Play como unha materialización da nostalxia de hai unha década ao anunciaren que volverá a través dunha edición especial que inclúe unha mellora gráfica, comentarios dos desenvolvedores e unha optimización do son.

Definido polo seu imaxinativo deseño de quebracabezas e a súa intelixencia á hora de contar o seu relato, Braid non quere perder un chisco destes elementos. Iso si, o título foi refeito desde cero a nivel visual, apostando por un estilo pictórico aínda máis belo. Deste xeito, atoparemos novas animacións e novos planos, ademais duns escenarios máis detallados.

O xogo estará dispoñíbel en PC, Xbox Series X, PS5, Nintendo Switch, Xbox One e PS4 nos comezos do 2021.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.