Actualidade Call of Duty: Modern Warfare doa os ingresos dun pack á loita contra os incendios en Australia

Call of Duty: Modern Warfare doa os ingresos dun pack á loita contra os incendios en Australia

Lamentabelmente, se hai un desastre que nos afecta en Galicia é o dos incendios. Ano tras ano, vemos como hectáreas de terreo son consumidas polo lume. Australia atópase loitando contra o mesmo mal e toda axuda para combatelo resulta imprescindíbel. Por iso, Activision vén de comezar unha campaña de axuda e no seu xogo principal, Call of Duty: Modern Warfare, grazas ao «Outback Relief Pack». Este custa un total de 1.800 puntos de Call of Duty, o que equivale a 18$. O total dos ingresos derivados da súa compra será destinado á axuda contra os incendios en Australia.

O pack, que xa se atopa dispoñíbel, e até o 31 de xaneiro, permite acceder a unha máscara de operador Bushranger, un amuleto de koala e os planos para o lendario rifle de francotirador «Big Game». Tamén hai un novo adhesivo, arte da arma, truco do operador e un movemento final, así como unha ficha para saltar un nivel no Pase de Batalla de Modern Warfare. Outras compañías como  Ubisoft Australia ou Bungie tamén se atopan comprometidas coa causa e realizando as súas propias achegas para colaborar na extinción dos incendios.

Hoxe, 12 de xaneiro, aínda se atopan activos máis de 100 incendios forestais, incluíndo a queima de pastos para os animais, estando 40 deles fóra de control por parte das autoridades, polo que a situación en Australia continúa a ser crítica.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.