Actualidade Cando unha rebaixa de prezo non senta ben nin a Tomb Raider

Cando unha rebaixa de prezo non senta ben nin a Tomb Raider

A terceira e derradeira entrega do reinicio da historia de Lara Croft non acaba de verse cómoda nas súas puntuacións. Shadow of the Tomb Raider, xa analizado nesta páxina no seu día, trátase dun xogo notable, pero con algunhas carencias importantes. Curiosamente, non é nada do seu apartado xogable o que levantou as últimas críticas na Rede, senón unha rebaixa do seu prezo.

A semana pasada, Steam emitiu unha oferta de bastante interese para todo aquel que queira facerse co xogo. Falamos dun potente 34 % de rebaixa no seu prezo inicial apenas un mes despois do seu lanzamento, o 14 de setembro.

Non é algo que ocorrese só en PC. Tamén en PlayStation 4 e Xbox One atopamos unha oferta similar, ao pasar dos 59,99 euros a 39,99 euros.

A comunidade respondeu e, no caso de Steam, onde é moi doado comprobar nas súas estatísticas os cambios en opinións, Shadow of the Tomb Raider recibiu máis de 600 críticas novas en apenas uns días. O 66 % delas foron negativas e a maioría só comentan o insulto que supón comprar un xogo a 60 euros, reserva incluída no seu día, para apenas un mes despois atopalo case a metade de prezo.

Entre o 16 e o 18 de outubro, o xogo de Square-Enix sufriu un auténtico fusilamento de opinións negativas que o levaron a cambiar a súa puntuación na plataforma dixital de Steam a “Variadas”.

Captura de pantalla mostrando os gráficos de valoracións en Steam.

O certo é que sorprender atopar nun xogo triplo A unha baixada tan potente trinta días despois de ver a luz ao mercado público. É, sen dúbida, unha estratexia para conseguir aumentar o seu número de vendas, pero os que xa compraran o título recibírono como unha xerra de auga fría para a súa carteira. As rebaixas non sempre funcionan como un pensa.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.