Actualidade Cantas patacas necesitas para xogar DOOM? Xa hai resposta

Cantas patacas necesitas para xogar DOOM? Xa hai resposta

Se houbo un xogo ao longo dos últimos anos ao que lle deu por aparecer e ser xogado nos sitios máis insospeitados do mundo, incluíndo un test de embarazo dixital ou unha neveira, ese foi DOOM. O orixinal, claro. A obra clásica foi obxecto de experimentos continuos coa intención de ser levada de xeito funcional a multitude de plataformas e sistemas.

A canle de Youtube Equalo quixo subir a aposta ao seguinte nivel. Si, xa se podía xogar DOOM nunha calculadora, pero… cantas patacas necesitariamos como fonte de enerxía? A resposta é simple: 45 quilogramos de tubérculos. O vídeo foi gañando visitas ao longo dos últimos días —conta con máis de 200 mil e foi publicado o 11 de outubro—, logo de que Kotaku informase da súa existencia.

O executor do experimento trata no vídeo de probar primeiro cunha Raspberry Pi, pero a enerxía non é suficiente para este dispositivo, así que decide empregar un obxecto que requirira algo menos de enerxía. O elixido foi unha calculadora TI84. Ver para crer.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.