Actualidade CD Projekt confirma que fará un novo xogo de The Witcher

CD Projekt confirma que fará un novo xogo de The Witcher

A saga de Geralt de Rivia, a galiña dos ovos de ouro de CD Projekt RED, volverá despois de Cyberpunk 2077. A compañía polaca vén de confirmar nunha entrevista con Eurogarme Polonia que comezarán a traballar no novo título do bruxo unha vez finalicen o seu traballo co RPG distópico e futurista que verá a luz en setembro.

O estudio responsábel das anteriores entregas de The Witcher nunca negou a posibilidade de volver retomar a aventura do Lobo Branco, aínda que si descansaría por un tempo. É posíbel  que o éxito da serie de Netflix e o coñecemento de Geralt por un público maior permita esta decisión de comezar o desenvolvemento e deseño dun novo capítulo para o personaxe creado por Andrzej Sapkowski. Adam Kicinski, vicepresidente e cofundador de CD Projekt RED, foi o encargado de confirmar este asunto na xa amentada entrevista.

Sen moitos máis detalles, o executivo polaco explica que o estudio leva bastante tempo cun concepto en mente para o novo título, malia que non revelou ningún tipo de elemento argumental ou de xogabilidade, nin sequera sobre se o título seguirá a historia de Geralt ou simplemente tomará o universo ideado por Sapkowski como base.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.