Actualidade CD Projekt RED leva a música de The Witcher a Spotify

CD Projekt RED leva a música de The Witcher a Spotify

Se hai nada publicabamos en Morcego a chegada dun enorme número de bandas sonoras de videoxogo a Spotify grazas a Capcom, hoxe é CD Projekt RED a compañía que quixo satisfacer a todos os seus seguidores publicando as melodías que serviron para ambientar algúns dos seus proxectos máis exitosos.

O estudo polaco publicou na plataforma verde as BSO de The Witcher III: Wild Hunt, ademais das súas expansións. Tamén están dispoñibles as cancións de Gwent e Thronebreaker. Todos estes títulos teeñen ao bruxo máis famoso dos últimos tempos como principal protagonista ou, polo menos, están inspirados no seu mundo.

Despedimentos en GOG

Non todos son boas noticias dentro das oficinas de CD Projekt. Ao longo das últimas horas púidose saber, a través de Kotaku, que a tenta dixital GOG, situada baixo o paraugas polaco, despediu a unha ducia de traballadores. Un dos propios traballadores, agora exempregado, contactou co medio para facer pública a información e confirmar o sucedido. Os despedimentos deberíanse a unha “reestruturación da empresa”. Na súa propia páxina oficial, a día de hoxe, ofrecen até vinte e dous postos de traballo para os que é posible mandar o currículo. A metade sitúanse no apartado de desenvolvemento de software.

A fonte que contactou con Kotaku sinala que a situación da empresa é “preocupante”, e asegura que o motivo dos despedimentos en GOG non é outro que o de non lograr medrar ao ritmo desexado. Estima que os doce traballadores que perderon o emprego supoñen o 10 % do persoal total de GOG.

Algunhas das bandas sonoras que CD Projekt RED publicou en Spotify.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.