Actualidade ¿Colabora George R. R. Martin con From Software?

¿Colabora George R. R. Martin con From Software?

O que empezou como un rumor foise convertendo nunha especie de feito non oficial. Aínda que é certo que en Morcego non adoitamos apuntarnos á cola das cousas non confirmadas polas propias compañías, todo parece indicar que George R. R. Martin, o pai de Xogo de Tronos, traballa con From Software como guionista nun novo videoxogo ou, en todo caso, colaborou na súa creación.

Por que se sospeita desta unión laboral? Unha das primeiras voces en sinalar toda este choio foi o youtuber Spawn Wave. A través dun vídeo dispoñible na súa canle, explicaba que o escritor estaba a colaborar de xeito conxunto coa compañía xaponesa na concepción dun novo proxecto. A nula confirmación por parte dunha fonte naquel momento fixo que todo quedase nunha simple anécdota, pero esta vez foi o propio autor o que deu novas pistas sobre todo este asunto.

Martin subiu unha entrada ao seu blogue persoal (o escritor sobe con regularidade apuntes da súa vida, opinións e demais información laboral sobre o que cre conveniente) na que indica que estivo traballando como «consultor» nun xogo desenvolto en Xapón. As alarmas saltaron ao ver que o rumor orixinal sinalado por Spawn Wave cobraba forza.

Agora, Gematsu asegura ter contactado cunha fonte próxima ao estudio que creou a saga Souls, Bloodborne e Sekiro, e que esta confirmaría os feitos. É máis, o proxecto levaría a sigla GR, e que estas podería significar Great Rune, un nome que xa apereceu con anterioridade no pasado da compañía e informacións non oficiais.

A cousa non acaba aí. O proxecto estaría tan avanzado que ata se poden dar algúns detalles sobre a súa xogabilidade. Sería un título de mundo aberto, con posibilidade de montar dacabalo, Bandai Namco sería a encargada de publicalo e teriamos máis noticias sobre el (a súa estrea en sociedade, en realidade) durante a conferencia de Microsoft este mesmo E3. Aínda que poida soar precipitado, a compañía para a que traballa Hidetaka Miyazaki é coñecida polo seu altísimo ritmo á hora de producir novos xogos, polo que tampouco sería unha tolemia ver que todo isto fose real.

A rapidez coa que From Software é capaz de traballar permite soñar con que toda esta información sexa verdade.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.