Actualidade Confírmase a chegada de GRIS en decembro para PC e Switch

Confírmase a chegada de GRIS en decembro para PC e Switch

Sobre GRIS voa unha beleza imposible de negar. Xa hai tempo que sabemos da súa existencia. Un videoxogo desenvolvido por Nomada Studio en Barcelona, coa colaboración da cada vez máis coñecida editora Devolver Digital. Imaxes, ilustracións, adiantos… Todos foron amosando un apartado visual único e incriblemente artístico. Por fin, hai data de lanzamento.

GRIS chegará ás tendas o próximo 13 de decembro. A nova fíxose pública onte e confirmouse que contará con dúas versións de lanzamento: para ordenador (PC e Mac) e Nintendo Switch. A cousa ten certo aire de sorpresa, pois se ben era un título xa agardado para decembro, a ausencia de anuncios relevantes estes últimos tempos facía pensar que o proxecto sufrira dalgún tipo de atraso. Nada máis lonxe da realidade.

A data definitiva de lanzamento vén acompañada dun novo adianto audiovisual que amosa un pouquiño máis do mundo de GRIS, da súa xogabilidade e esa fraxilidade artística da que goza, froito do traballo de Conrad Roset, director creativo do xogo. Xa queda menos.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.