Actualidade Creative Assembly anuncia Total War: Warhammer 3

Creative Assembly anuncia Total War: Warhammer 3

Creative Assembly ofreceu esta semana os primeiros detalles de Total War: Warhammer 3. O estudio publicou un adianto na forma dun espectacular tráiler cinemático onde amosa o poder dos demos do Caos. Telo ao rematar o texto e, certamente, a expectación que crea non é pouca.

O novo dos autores de Total War: Three Kingdoms promete mellorar todo o que xa coñecemos dos títulos de Warhammer, poñendo sobre o terreo enormes escenarios con batallóns e grupos de soldados diversos. Aquí a guerra seguirá elevándose a través de heroes, monstros colosais e criaturas doutros mundos.

«O grandísimo apoio dos nosos xogadores asegurando o éxito das dúas primeiras entregas motivounos a tentar superarnos aínda máis e estamos a desexar que todos o proben», explicael director de Total War: Warhammer III, Ian Roxburgh. O futuro xogo presenta como principal novidade a chegada dos exércitos de Kislev e Catai xunto coas faccións do Caos (Khorne, Nurgle, Slaanesh e Tzeentch). «Ao entrares nesta nova campaña a gran escala, deberás salvar ou aproveitar o poder dun deus moribundo. Cada raza ofrece unha viaxe única polo horripilante Reino do Caos», reza a descrición oficial do xogo, na que xa se anticipa un desenlace «que determinará o destino do mundo».

Non hai data de lanzamento, polo que é posíbel pensar que non estará listo antes de que remate este ano. Paciencia.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.