Actualidade Crece a polémica dos xogadores profesionais coa súa presenza nos FIFA

Crece a polémica dos xogadores profesionais coa súa presenza nos FIFA

Foi  Zlatan Ibrahimović o que comezou a polémica, e malia que EA Sports quixo dala por resolta de forma rápida, semella que o asunto se vai enquistar nos vindeiros días. Esta mesma semana, o xogador sueco comentaba nas súas redes sociais que investigaría porque estaba incluído no último FIFA se o non lembraba asinar nada nin recibir ningunha petición de permiso. Bale, o xogador do Real Madrid, tamén se uniría a esta queixa.

EA Sports non tardou en responder e tentar solucionar toda a polémica. A desenvolvedora asegura que esta «non é a nosa loita», pois sería unha batalla legal, en todo caso, entre os axentes de futbolistas e FIFPro.

> O medio The Telegraph acaba de publicar un artigo onde sinala que até 300 xogadores están dispostos a apoiar o xogador sueco na súa loita polos seus dereitos. Ao carro da polémica subiuse o coñecido representante de futbolistas Mino Raiola, que asegura que isto é tan só «o principio dunha revolución que reescribirá o sistema».

«Imos ir até o final contra a FIFA, FIFPro e todos os que vendan dereitos que non teñen», cargou o italiano. A ameaza parece ser un asunto bastante real, pois Raiola advirte que se «queren negocios como agora, levarémolos aos tribunais. FIFPro e FIFA están a beneficiarse dos dereitos que EA Sports comprou alegremente, vendendo dereitos que non teñen». Polo momento, haberá que agardar para vermos como se desenvolve todo este asunto.
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.