Actualidade Cyberpunk 2077 presume de moto co deseño da Yaiba Kusanagi

Cyberpunk 2077 presume de moto co deseño da Yaiba Kusanagi

Aos poucos, Cyberpunk 2077 ofrece detalles do seu universo coa publicación de novas imaxes e respostas aos usuarios que detallan as posibilidades do xogo. Nestes últimos días, a protagonista da actualidade sobre a nova obra dos creadores de The Witcher 3: Wild Hunt foi un vehículo de dúas rodas, a moto Yaiba Kusanagi, que loce impoñente.

Por suposto, tanto o deseño como o nome da motocicleta semellan ser unha chiscadela á cultura pop xaponesa e a obras de enorme relevancia dentro do xénero cyberpunk, como son Akira ou Ghost in the Shell. CD Projekt RED sabe ben de que mananciais bebe, e non os oculta nas súas creacións.

Un clima que muda e un libro para sabelo todo

Malia que era evidente, os responsables do xogo confirmaron que Cyberpunk 2077 contará cun clima dinámico e os cambios no ceo e a atmosfera da cidade serán constantes. A contaminación de seu dunha urbe deste tipo estará moi presente nas súas rúas e canellas.

Doutra banda, o estudio polaco tamén desvelou que a aventura poderá ser vivida en diversos modos de dificultade, incluíndo un modo hardcore recomendado só para aqueles que procuren unha experiencia realmente desafiante e bestial.

Quedas con gana de máis novidades? Hai uns días CD Projekt RED e Dark Horse Books anunciaban a chegada de The World of Cyberpunk 2077 —O Mundo de Cyberpunk 2077—, un libro enciclopédico onde poderemos ler información a esgalla sobre os detalles da súa historia, os seus habitantes, as bandas, as corporacións e as liñas xerais de toda a obra.

Portada del libro de Dark Horse Books.

21 de abril de 2020, cinco días despois do lanzamento do videoxogo, o libro sairá á venda en librerías e outras tendas especializadas polo prezo de 39,99 euros en tapa dura, e de 19,99 euros en versión libro electrónico.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.