Actualidade Data e prezo para as dúas expansións de Metro Exodus

Data e prezo para as dúas expansións de Metro Exodus

Artyom aínda non dixo a súa última palabra. O protagonista da saga Metro terá dúas paradas nas que deterse nun futuro próximo. 4A Games fixo público o expansion pass de Metro Exodus, un novo DLC que poderá adquirirse por 24,99 dólares e que conterá dúas expansións.

A primeira delas chegará este mesmo verán, a segunda farao durante os primeiros meses do próximo ano. Segundo os seus creadores, as expansións poderán comprarse tamén por separado e permitirannos controlar a dous novos personaxes: o coronel Khlebnikov e Sam. A expansión que chegará durante o estío ten por nome Os dous coroneis, mentres que a segunda titúlase A historia de Sam e sitúase tras o final de Metro Exodus.

Os dous coroneis ambientarase baixo terra, nos túneles que discorren baixo a cidade de Novosibirsk. Nela seguiremos a viaxe de Khlebnikov, que regresa a casa para celebrar co seu fillo o comezo do ano. Por suposto, as cousas poderanse máis difíciles do que aparentaban ser. Os ataques nos túneles mutantes van en aumento e os antídotos contra a radiación están a esgotarse. Os sobreviventes destes túneles están case sen esperanzas. A idea deste DLC é volver ás raíces orixinais da saga e propoñer unha experiencia lineal, asfixiante e, como non, claustrofóbica.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.