Actualidade Destruction AllStars utilizará bots para encher as partidas en momentos de pouca actividade

Destruction AllStars utilizará bots para encher as partidas en momentos de pouca actividade

Lucid Games comezará a utilizar bots para encher as partidas de Destruction AllStars nas horas con pouca actividade de xogadores. «Cunha comunidade do noso tamaño, repartida por todo o mundo, temos horas de alta e de baixa actividade de xogadores, o que afecta o emparellamento en liña. Queremos asegurarnos que as partidas estean cheas de tantos xogadores reais como sexa posible, pero cando cando falten X números de xogadores facendo cola, bots de intelixencia artificial encherán os espazos sobrantes», xustifica a desenvolvedora no comunicado.

Hai unha excepción. O modo competitivo chamado Blitz non usará este tipo de bots, por motivos lóxicos. Segundo o estudio, os picos de xogadores prodúcense nas fins de semana entre as 18 horas e as 00 horas. Porén, non foron compartidas as cifras máximas de xogadores simultáneos neste período.

Doutra banda, o estudio  detallou o contido da gran actualización que está por chegar. Entre os erros que corrixirá este parche está o de choques pantasma (colisións que non aparecen en pantalla) e os impactos non válidos (cando chocas e o xogo non detecta que o fixeches). Tamén serán equilibradas e melloradas as habilidades dos diferentes personaxes e balancearase mellor a dificultade xeral das partidas. Ademais, poderemos engadir amigos ás nosas partidas grupais, e mesmo incluílos na cola cando xogamos en solitario.

Destruction AllStars é un dos poucos exclusivos puros de PlayStation 5, e mestura «condución e labazadas».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.