Actualidade Devolver Digital saca peito a través de catro prometedores títulos

Devolver Digital saca peito a través de catro prometedores títulos

Convertida nunha editora referente, todo xogo que sae baixo a marca Devolver Digital conta, como mínimo, cunha boa atención dos medios e do público. Non é para menos; a compañía colocouse nos últimos anos como unha experta fichadora de títulos independentes que atopan un fogar no que medrar e obter a promoción e a guía necesaria para volverse verdadeiros grandes lanzamentos.

Onte celebrouse a Marketing Countdown to Marketing, o típico —ou non tanto— e tradicional showcase de xuño, con Suda51 como presentador. Catro xogos e catro promesas amosou a editora ao longo de 25 minutos que sempre se quedan curtos, pero que, sen dúbida, foron ben recibidos.

Cult of the Lamb :: 11 de agosto

O único que sairá este ano das catro obras que foron presentadas.  Un roguelike onde como o cordeiro titular, debes estender a túa Palabra e xestionar ao grupo de adeptos que expande o teu poboado e participa nos escuros rituais que tentan tranquilizar a ira dos deuses.

Anger Foot // 2023

Creado para a veterana game jam 7DFPS, Anger Foot é o novo de FreeLives, creadores de Broforce ou Genital Jousting. A cousa vai de tirar portas —moitas—, tamén de pegar patadas a inimigos, pisar bichos e disparar namentres acabas coa xente máis mala de Shit City.

The Plucky Squire // 2023

Desenvolvido por All Possible Futures, The Plucky Squire contará a historia dun personaxe de conto que descobre, por casualidade, o xeito de saír do libro no que vive. Semella que mesturará diferentes mecánicas e propostas, desde a aventura acción, mais tamén plataformas.

Skate Story // 2023

Boa sorpresiña final, e interesante proposta. Skate Story, aparece no horizonte como unha impactante aventura en monopatín protagonizada por un diaño «feito de cristal e dor» que debe percorrer o inframundo patinando. Estamos dentro.

É un xogo xa coñecido en redes sociais polo seu incríbel e curioso apartado gráfico, polo que non é estraño que Devolver Digital queira ser o nome detrás da súa saída ao mercado. Toca agardar até o ano que vén.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.