Actualidade Dying Light estrea Bad Blood, o seu modo battle royale

Dying Light estrea Bad Blood, o seu modo battle royale

Techland segue nutrindo de contido á súa obra máis aclamada cinco anos despois. Todo aquel que teña unha copia de Dying Light en Xbox One, PC ou PlayStation 4 pode descargar de xeito gratuito o seu novo DLC Bad Blood. Trátase dun modo battle royale no que competir con outros xogadores pola sanguenta vitoria.

É o escenario de Bad Blood é unha zona infestada de zombis na que poderemos traballar en equipo ou ir en solitario para ser o único sobrevivente entre doce candidatos, combinando acción PvP e PvE ao longo de toda a partida.

Trátase tan só dun dos diversos contidos que a compañía ten preparados para o xogo ao longo deste ano. «Queriamos tomarnos un momento para agradecervos a todos o apoio, os comentarios e a fe que nos seguides brindando. Realmente non poderiamos esperar unha mellor comunidade», comentou nas súas redes sociais Pawel Marchewka, CEO de Techland.

O responsábel do estudio tamén indicou que están a traballar en Dying Light 2 con todas as súas forzas —a continuación sufriu un atraso que a deixou sen data de lanzamento— pero que non poden deixar de brindaren apoio á obra orixinal.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.