E3 :: Microsoft brilla e vive a maior conferencia da súa historia (Parte 1)

E3 :: Microsoft brilla e vive a maior conferencia da súa historia (Parte 1)

Debía ir con todo. E foi. Debía aproveitar a ausencia de Sony. E fíxoo. Debía ilusionar mirando ao futuro. E ilusionou. Microsoft brillou con luz propia no primeiro día dun E3 que moi probablemente irá de máis a menos o que resta de feira.  Phil Spencer, máximo representante da marca Xbox, comandou unha conferencia de enorme ritmo e cun obxectivo moi claro: ensinar videoxogos. Até 60 títulos apareceron sobre o escenario principal, entre exclusivos, independentes e propios.

A compañía norteamericana impón a súa lei e despois de apagar as luces sabe que se o E3 fose unha competición, tería o primeiro posto asegurado. A incomparecencia de Sony posibilitou que Microsoft cante e baile sen resposta posíbel. É a única gran marca con consola de sobremesa que estará presente nos Ángeles –Nintendo é un caso aparte– e non desaproveitou a oportunidade. O balón viña botando cara ao seu pé e golpeouno con todo. Coma se de balas nunha arma automática, ao longo da conferencia disparáronse adiantos, datas e algunha que outra sorpresa. Porén, as numerosas filtracións acontecidas estes últimos días enturbaron o efecto.

O momento álxido viviuse, curiosamente, case ao comezo. Se o ano pasado CD Projekt RED presentaba ao mundo Cyberpunk 2077 cando xa todo parecía finiquitado, esta vez quixeron aparecer entre os dez primeiros xogos. A presenza de Keanu Reeves rompeu as redes sociais, igual que a súa última achega en forma de data de lanzamento: o 16 de abril de 2020.

E si, claro, houbo moito máis…

Outer Worlds

O título de Obsidian Entertainment, a marca pensante tras Fallout New Veigas, leva xa tempo sacando peito coa súa nova obra. A través dun título con acento RPG xuntaranse elementos espaciais cos do western clásico. Loce moi Fallout, quizais máis colorista, pero a inspiración é evidente.

O máis importante? Que xa ten data de lanzamento. O 25 de outubro verá a luz e poderase xogar de primeiras no Xbox Game Pass.

Bleeding Edge

Un dos bombazos que fixo explosión antes de tempo. O novo título de Ninja Theory (DmC, Hellblade) afástase da súa aposta de videoxogos con fortes contidos narrativos e múdanse á beirarrúa das obras multixogador.

A súa acollida está a ser un chisco fría, pero haberá que esperar para comprobar o resultado final dun estudio que ben sabe o que fai. Dous equipos, oito xogadores, unha loita encarnizada pola supervivencia con aspecto de hero shooter –aínda que se aprecia tamén unha aposta polo combate corpo a corpo–.

A súa alpha técnica arrincará o 27 de xuño. Queres participar? Pois na súa páxina oficial podes entrar en listas.

Ori and the Will of Wisps

Moi agardado, moi ben recibido. Cun apartado gráfico de enorme beleza, a continuación de Ori and the Blind Forest loce espectacular grazas a un aumento da acción en pantalla. As novas e enormes criaturas ás que teremos que facer fronte posúen deseños elaborados e interesantes. Semella que cada decisión, cada segundo, será de vital importancia.

Será lanzado o 11 de febreiro de 2020 como exclusivo de Xbox One e Windows 10, aínda que tamén estará dispoñible en Steam.

Minecraft Dungeons

Por que non? Unha das sorpresas da noite. A comparación é evidente: Minecraft pero… Diablo. A compañía norteamericana adquiriu Mojang en 2014 por 2.500 millóns de dólares. Agora, queren expandir o universo dun título que a día de hoxe acadou a posición de ser o xogo máis vendido da historia xa que The Tetris Company non aporta datos que o neguen.

Con fortes toques de rol, é fácil que capte o interese duns cuantos millóns de usuarios ao longo do mundo. Os píxeles seguen con vida e chegarán na primavera do ano que vén.

Star Wars: Jedi Fallen Order

Aínda que tivo o seu momento de protagonismo na conferencia de Electronic Arts este sábado, Microsoft tamén quixo contar coa presenza do futuro título de Respawn.

Mostráronse algunhas novas características, como a condución de vehículos, e algunha imaxe inédita até hoxe. Debe puír certos detalles, pero semella que será a aventura en terceira persoa que prometeron no seu día. A súa historia será canon dentro do universo creado por George Lucas.

Blair Witch

Outro exclusivo de Xbox cunha pinta máis que interesante. Antes de que Outlast puxera de moda o terror nos videoxogos a través dunha cámara, é certo que nos cinemas de todo o mundo a moda chegou grazas ao Proxecto da bruxa de Blair, cinta de 1999 que a pesares do seu baixo orzamento logrou revolucionar o medio coa súa sutil proposta de terror psicolóxico.

Cun ambiente denso e unha atmosfera moi cargada, todo apunta a que Blair Witch fará revivir vellos medos do pasado. Comprobarémolo este 30 de agosto.

 

Cyberpunk 2077

O desexado fixo a súa aparición e fíxoo máis pronto do que a xente estimaba. O estudio polaco brindoulle a Microsoft a oportunidade de ser a compañía que represente os seus intereses neste E3 –no asunto das conferencias– e o que ocorreu pasará á historia do E3 como un dos momentos con máis hype por polgada no monitor.

Tras ensinar un novo adianto cinemático marca da casa, todo parecía quedar niso: un vídeo e para casa, pero non. Un Keanu Reeves dixital fai a súa aparición e o asunto cobra un interese superior. A tolemia desátase cando o actor canadense aparece no escenario tras unha nube de fume. Di unhas palabras, expresa a súa ilusión por formar parte do proxecto e… si, anuncia a data de lanzamento de Cyberpunk 2077.

A nova obra dos creadores da saga The Witcher chegará en abril de 2020, desfacendo toda esperanza de poder xogalo este ano. Non importa, xa hai un horizonte ao que mirar ao lonxe.

 

SpiritFarer

Outro deses pequenos xogos que xogan a ser grandes. SpiritFarer é dono dun apartado gráfico excelente que se gozará en 2D. É tamén exclusivo da marca Xbox.

Todo parece indicar que controlaremos a un personaxe do que aínda se descoñece o nome e exploraremos un basto mar sobre un barco que poderemos ir ampliando e mellorando. Cheira tamén a drama capaz de facer chorar ás leguas. Choremos pois.

Battletoads

O E3 pasado tivemos que conformarnos cun logo e pouco máis. Por fin puidemos botarlle un ollo ao aspecto da revisión deste lendario beat ‘ em up.

Mola. É a palabra crave. Quen non quere dar hostias nun scroll lateral cunhas ras musculadas?

Será exclusivo, pero segue sen data concreta.

The Legend of Wright

Outro videoxogo con aspecto de xoia. Ten tinguiduras revolucionarias a nivel de xogabilidade e conta cun apartado gráfico moi belo. Perante nós teremos un lenzo no que debuxar e vivir unha chea de aventuras.

Entre a épica e o debuxo, loce xenial. Estrearase nalgún momento de 2020.

Microsoft Flight Simulator

É unha película? É un paxaro? É un avión? Pois si, é un avión, e ademais nunhas contornas virtuais de enorme calidade. O simulador de voo de Microsoft promete ser, como mínimo, ambicioso e realista.

Utilizará os servizos na nube de Azure para crear un mundo realista, de noite e de día. A verdade é que algunhas pasaxes do adianto mostrado deixan sen alento. Nunca é tarde para aprender a voar, non?

Wasteland 3

Ambientado nun mundo post-apocalíptico, este novo capítulo da franquía quere afastarse do estilo do Salvaxe Oeste para afondar nunha nova ambientación máis xeada e fría, incluíndo vehículos e opcións de combate diversas e inéditas en comparación a entregas anteriores.

É obra de nXile Entertainment, estudio  first party de Microsoft, polo que terá un carácter de exclusividade ademais dun ton vándalo e desenfadado.

Psychonauts 2

Double Fine, creadores de obras como Psychonauts e cuxa cabeza visible é o carismático Tim Schafer, pasa a engrosar as listas dos estudios pertencentes a Microsoft. O anuncio fíxose oficial cara á metade da conferencia e coincidiu co novo adianto de Psychonauts 2, título que xa foi anunciado hai tempo e que se deixou ver a través dun novo adianto.

 

Neste artigo poderás ler sobre o resto de títulos presentados. Seguimos!

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] *Este artico é a segunda parte dun especial sobre a conferencia de Microsoft. Tes o primeiro capítulo xusto aquí. […]