Actualidade EA detalla os seus resultados financeiros e plans de futuro

EA detalla os seus resultados financeiros e plans de futuro

Chegou a quenda de Electronic Arts de repasar como foi o curso e que nota sacou até o de agora. Após anunciar onte pola tarde un acordo con Valve, sinalanando que os xogos da distribuidora volverán a Steam, EA presentou os seus resultados financeiros e detallou que é o que ten entre as mans para os vindeiros anos.

Consolidación do mercado dixital

Desde logo, parece ser que o terreo dixital recorta distancias co mercado físico a pasos axigantados. No caso de EA, xa non existen eses recortes porque o 78 % das vendas totais da compañía nos últimos doce meses pertencen ás tendas dixitais, o que supuxo un incremento do 8 % respecto do ano anterior e case 4.000 millóns de dólares de recadación.

Se atendemos ao detalle da orixe destas vendas, descubrimos que case o 40 % do incremento das devanditas vendas proveñen da combinación entre consolas e PC, namentres o mercado móbil sofre un duro revés, xa que sofre un retroceso de máis do 20 % respecto ás cifras anteriores.

Por último, cabe destacar que no último ano as vendas de DLC, subscricións aos seus servizos (EA Access) ou compras internar (Ultimate Team), incrementáronse un 17 %, mentres que as descargas de títulos aumentou un 4 %. O 50 % das súas vendas de xogos completos en PS4 e Xbox One nos últimos 12 meses realizáronse mediante descarga dixital, fronte ao 42 % do ano pasado. Todos estes datos reflicten un rumbo claro da compañía e que a súa aposta económica está a funcionar á perfección.

Apex Legends, un futuro prometedor

O título multixogador de Respawn Entertainment semella que continúa dando os seus froitos aos seus desenvolvedores. Cada mes permanece como un dos xogos máis vistos en Twitch, o que é un indicador da boa saúde da que goza o xogo. E para os máis dubitativos, EA encárgase de responder con algúns datos.

Apex Legends acadou os 70 millóns de xogadores, unha cifra máis que meritoria. Ao longo da terceira tempada do título, os picos de maior afluencia de xogadores superan significativamente os da tempada anterior. Todo isto tradúcese na idea de ver no battle royale unha franquía indispensábel para EA, a cal permite que novos traballadores sexan agregados ao grupo de traballo.

A cousa non remata aí. Apex Legends ten planeada a súa saída ao mercado móbil, mercado que como vimos anteriormente debe mellorar EA. Ademais, tamén ten prevista a súa chegada ao xigante asiático, China, e a súa implantación dentro do mundo dos deportes electrónicos.

Unha axenda bastante apertada

Atentos que veñen curvas. Electronic Arts ten uns cuantos videoxogos no forno, así que imos ir debullando que é o que podemos agardar nos próximos anos. Haberá sorpresas, ollo.

Para comezar, Motive Studios, responsabéis de Star Wars Battlefront II, atópanse desenvolvendo un nova IP, da cal descoñecemos máis información. Á súa vez, tanto DICE como Bioware, Maxis e Criterion non están a perder o tempo, xa que traballan en novos proxectos dos que non se detallou na información partillada.

Tamén resulta interesante que a plataforma EA Originals estea a crear novos títulos exclusivos da compañía estadounidense. Lembremos que apenas contan con tres videoxogos entre o seu repertorio pero que conforman unha triloxía bastante atractiva como son Sea of Solitude, Fe e o afamado A Way Out.

A Way Out, obra de Josef Fares, foi un dos títulos máis populares do ano pasado.

No referente aos grandes lanzamentos, EA aclara que o novo Dragon Age de Bioware está en desenvolvemento, malia que será difícil chegar a velo antes de abril do 2022, data bastante afastada. E para os seareiros de Star Wars, hai boas noticias, pois xa hai outro xogo baseado na franquía en desenvolvemento. Debería chegar ás tendas antes do nomeado abril do ano 2022. Outra das sagas por excelencia de Electronic Arts como é Battlefield recibirá nova entrega, como pronto, despois de abril do ano 2021.

Aínda que non todo van ser boas novas. NBA Live 20 foi oficialmente cancelado, após decidir concentrar todos os esforzos na entrega de nova xeración, é dicir, PS5 e Xbox Scarlett, así que os amantes da mellor liga do mundo de baloncesto terán a saga NBA 2K como única opción de compra este ano.

E para pechar cunha nota positiva, é preciso dicir que EA tamén confirmou que  Star Wars Battlefront I e II venderon máis de 33 millóns de copias xuntos. Ademais, a compañía agarda que Star Wars Jedi: Fallen Order venda entre 6 e 8 millóns de unidades antes do 31 de marzo de 2020. Coa chegada da novena entrega de Star Wars ao virar a esquina, a franquía galáctica segue viaxando á velocidade da luz economicamente.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.