Actualidade O DLC de Cuphead tardará en chegar un chisco: novo atraso á vista

O DLC de Cuphead tardará en chegar un chisco: novo atraso á vista

Studio MDHR tivo que atrasar, de novo, a data do futuro DLC de Cuphead. Malia que non había data concreta para The Delicous Last Course, era sabido que os seus responsábeis levaban traballando nel bastante tempo. Hoxe, piden un pouco máis desa prezada medida en forma de días e segundos.

Chad e Jared Moldenhauer, fundadores de Studio MDHR, publicaron unha carta a través de Twitter expresando o seu malestar polo atraso do agardado DLC. Nela afirman con sinceridade que non están contentos do todo co resultado, pois a idea da que parten é que The Delicious Last Course sexa o broche definitivo para un xogo que conseguiu elevarse por méritos de seu ao Olimpo dos grandes xogos desta pasada xeración.

Dentro dos problemas que estiveron arrastrando durante o seu desenvolvemento, a situación provocada por a COVID19 aparece sobre a mesa, ao impedirlle traballar ao equipo do novo contido con normalidade. Coa chegada da expansión, tamén estaba previsto o lanzamento dunha edición física do xogo, pois título por agora só está dispoñíbel en formato dixital. Non houbo palabras no comunicado para este asunto.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.