Actualidade Electronic Arts anuncia The Lord of the Rings: Heroes of Middle-earth

Electronic Arts anuncia The Lord of the Rings: Heroes of Middle-earth

Por sorpresa, Electronic Arts acaba de anunciar un acordo con Middel-earth Enterprises para desenvolver un novo título baseado no universo do Señor dos Aneis.

Baixo o título The Lord of the Rings: Heroes of Middle-earth verá a luz un xogo free-to-play para móbiles. O estudio responsábel de que chegue a bo port será Capital Games, creadores de  Star Wars: Galaxy of Heroes.

Segundo indican, será un título de rol con coleccionábeis e unha «experiencia estratéxica, competitiva e social» con personaxes do Hobbit e O Señor dos Aneis. Sexa como for, paga a pena lembrar que EA pode adaptar os libros pero non as pelis, pois os dereitos de Middle-earth Enterprises son os primeiros e non os segundos, polo que non veremos a Orlando Bloom nin a Viggo Peter Mortensen, nesta futura obra.

Electronic Arts xa traballou —e con bastante tino— coa licencia de Tolkien no pasado. Moitos lembramos aquel fabuloso TLOTR: The Return of the King (2003), considerado todo un expoñente no momento á hora de falar de acción e adaptación dunha obra chegada da gran pantalla até as consolas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.