Actualidade Electronic Arts merca Codemasters, que recibira unha oferta de Take-Two

Electronic Arts merca Codemasters, que recibira unha oferta de Take-Two

A batalla e a guerra duraron máis ben pouco. Electronic Arts faise con Codemasters por 1.200 millóns de dólares. O acordo xa é público e está confirmado pola propia compañía en comunicado aos seus investidores. A adquisición pecharase no Q1 de 2021.

Por que hai certa sorpresa na nova? Alén de que as absorcións sempre chaman a atención dentro da industria, nesta ocasión produciuse un duelo de negociacións entre Take-Two e Electronic Arts, pois a editora estadounidensedías atrás aparecera como a empresa que adquiriría Codemasters. A compañía detrás de Rockstar ou 2K chegou a ofrecer uns 820 millóns de dólares.

As negociacións entre Take-Two e o estudio inglés responsable de Dirt fixéronse públicas o pasado 9 de novembro a través dunha carta que Codemasters lles mandara aos seus investidores. Segundo o documento, a compañía norteamericana ofrecía 485 peniques por cada acción, un prezo que, nese intre, superaba nun 11 % o valor en bolsa do estudio.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.